Wednesday 01 de May de 2024

O Concello de Frades repartirá preto dun cento de composteiros de balde en vivendas unifamiliares do municipio


Os únicos requisitos para solicitalos no Concello ou no 981 695 567 son residir nunha vivenda cunha parcela ou horta cun mínimo de 25m2

O Concello de Frades vai repartir preto dun cento de composteiros entre persoas propietarias de vivendas unifamiliares no municipio que conten cunha parcela ou horta dun mínimo 25 metros cadrados. Para conseguir un destes composteiros do “Programa de compostaxe doméstica no Concello de Frades” só é preciso chamar por teléfono ao Concello (981 695 567) ou realizar o trámite de forma online, a través do código QR habilitado no cartel da campaña ou neste formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScw3jRbrRMFX2HXe0pKXLMarYGdaXtWgrZ2Mx_gjky_WHuwRw/viewform

O composteiro ten capacidade para 400 litros e debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores. O concelleiro de Medio Rural de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, explica que “a compostaxe doméstica trae consigo importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais. Dado que a materia orgánica representa o 42% dunha bolsa de lixo tipo, ao recuperala no propio fogar evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, minguando así a frecuencia de recollida e transporte dos residuos e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera”.

O obxectivo desta campaña é que a autoxestión da materia orgánica se erixa como unha práctica habitual nas zonas máis dispersas, dadas as súas incuestionables vantaxes ambientais, económicas e sociais. Trátase, en definitiva, de recuperar unha tradición asentada no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis óptima, hixiénica, cómoda e eficiente.

Este “Programa de compostaxe doméstica no Concello de Frades” está promovido polo Concello de Frades en colaboración coa Xunta de Galicia e conta coa financiación da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Esta será a cuarta entrega de composteiros que organiza o Concello de Frades, onde xa son preto de cen as familias do municipio que se sumaron a este proxecto de valorización da materia orgánica nas súas vivendas ao longo dos tres últimos anos.